04/11/19

Xavier Alcalá - Presentación "The Making Of" - Livrebook 5 Novembro 7pm


O Couto Mixto Bruxelas ten o privilexio de acoller a Xavier Alcalá o martes 5 de Novembro as 19pm na Libraría Livrebook  (Chaussée de Wavre 128, 1050 Ixelles) para una presentación do seu último libro.

  
“ The making of” (Galaxia, 2018)

Un innominado escritor de profesión allea á literaria recibe dun compañeiro de traballo a petición de que investigue sobre a morte do seu avó na Patagonia.

 O azar, que marca os fitos da narración, fai que o escritor sexa amigo do Cholo, un xornalista galego con boas relacións naquelas latitudes. Dese xeito, o escritor vai descubrindo a historia de Alfredo Mosquera, o Coghomelo, un emigrante e delincuente no Buenos aires da década de 1930, xogador e servidor de ?casa de tolerancia?, colaborador cos círculos de apoio ao Terceiro Reich na cidade de Comodoro Rivadavia durante a Segunda Guerra Mundial. Xavier Alcalá consegue trazar maxistralmente nesta novela o retrato dun sobrevivente, dun xogador de fortuna, un pícaro, sen perder un ápice de autenticidade e viveza, enguedellando o lector na que é a aventura oculta da emigración galega na Arxentina. Sarcástica, corrosiva, ás veces brutal, The Making of dá conta -nunha esmorga consagrada ao pracer de narrar- de como os fíos da literatura de cerna se tecen coas febras do Mal.

  Máis material inédito sobre a realidade na que se inspira a novela aquí.
 
Xavier Alcalá (Miguelturra, Cidade Real, 1947)

Un dos máis senlleiros escritores galegos contemporáneos. É enxeñeiro de telecomunicacións amais de colaborar na prensa, actualmente cunha columna en La Voz de Galicia. Instalado en Galicia desde a nenez, iniciou a súa obra literaria con Voltar, seis personaxes e un fado (1972), obra á que ían seguir títulos coma A nosa cinza (1980), Fábula (1980), Nos pagos de Huinca Loo (1982), Cárcere verde (1990), Latitude austral (1991), Código morse (1996, reeditada en Galaxia no 2010) e Alén da desventura, novela coa que obtería o Premio Blanco Amor no ano 1998. O seu último proxecto narrativo foi a publicación da triloxía "Evanxélica memoria", na que se relata a epopea das comunidades evanxélicas en Galicia, constituída polas novelas Entre fronteiras (2004), Nas catacumbas (2005) e Unha falsa luz(2007).        


Livrebook Chausée de Wavre 128, 1050 Ixelles  DE BALDE-FREE

 Metro Porte de Namur /SCNB   Luxembourg