06/12/08

Presentación do "Atlas Histórico da Galiza"


O 7 de decembro o Couto Mixto Bruxelas e a libreria Portuguesa e Galega Orfeu organizaron conxuntamente a presentación do novo "Atlas Histórico da Galiza" (edita http://www.polifona.com)/ por parte de dous dos seus autores Xose Manuel Barbosa Alvarez e Xose Gonzalez Ribeira.

Atlas Histórico da Galiza obra com mais de oitenta ilustracións e mapas, combina os materiais gráficos cos textos para oferecer unha visión que abrange, de xeito exaustivo, todas as épocas e momentos históricos da Galiza, desde a Pre-Historia deica a actualidade, e proporciona unha explicación detallada de cada un deles.

Na presentación os autores subliñaron os problemas que se atopaban no seu labor docente para explicarlles aos alunos a historia de Galicia desde unha perspectiva galega pola falta de material gráfico, nomeadamente átlas, adicados á describir a nosa historia desde unha visión propiamente galega. O traballo de investigación e a moi coidada elaboración do voluminoso atlas espallouse por varios anos, sendo Bruxelas un dos primeiros sitios no estranxeiro onde se presentou.

No coloquio que se celebrou fíxose moito énfase na distinta visión que existe hoxendía asentada na historiografía oficial sobre o papel marxinal de Galicia xa desde a alta Idade Media en comparación coa visión reflexada neste Atlas no que Galicia aparece coma a máis antiga e máis dinámica formación política da península, un dos vellos máis antigos de Europa , só posteriormente relegado a unha posición secundaria pola emerxencia da Coroa de Castela. A visión ofrecida por este atlas non ten só consequencias para a propia percepcion do pasado dos galegos senón que tamén ten grandes implicacións para a percepción da orixe dos portugueses. Sendo o Couto Mixto un lugar de encontro, certamente este acto deu lugar a un animado debate.

04/12/08

Presentacion dos libros "Galiza na Unión" e "Europa, o continente pensado"



O 4 de Decembro a Libreria Portuguesa Orfeu (http://www.orfeu.net/) organizou un acto de presentación dos dous máis recentes libros sobre a UE do senlleiro político galego Camilo Nogueira "Galiza na Unión. A porta atlántica" e "Europa, o continente pensado" . Moitos membros do Couto Mixto Bruxelas, eles mesmos especialistas destes temas, apoiaron coa sua presenza este acto de presentación. Velaqui un breve resumo destes dous libros, que como apuntou o propio autor, complementanse mutuamente:

Para pensar Europa e pensar Galiza cómpre facelo á par, hoxe por hoxe é imposible albiscar o futuro da nosa nación sen o considerar en relación co futuro de Europa. A construción da UE, desde os primeiros tratados do carbón e do aceiro ata os nosos días; a significación que para Galiza ten o proxecto europeísta.
O primeiro dos libros, Europa, o continente pensado, trata do carácter histórico e político da Unión Europea e inclúe unha análise do conxunto dos Tratados da UE e do proxecto de Tratado Constitucional, o relato da crise do proceso de ratificación da Constitución (que aprobaran a Convención, o Consello Europeo e o Parlamento Europeo) e, dentro do conxunto de cuestións consideradas no epígrafe sobre a Europa esperada, o desafio da presenza mundial da Unión de 500 millóns de cidadáns e cidadás (a primeira potencia económica mundial) como unha potencia civil pola paz e a solidariedade.
Pola súa banda, en Galiza na Unión. A porta atlántica, o autor analiza en primeiro lugar as consecuencias da entrada de Galiza na CE, salientando o esforzo histórico extraordinario da sociedade galega fronte a condicións autonómicas e estatais desfavorábeis, nun proceso que levou, entre 1986 e 2006, á transformación da súa estrutura económica e social. Trata despois da cuestión da presenza na UE das nacións sen Estado, de Escocia a Galiza, como un problema pendente de solución dentro dos Estados e na Unión, das condicións políticas específicas da presenza de Galiza na UE como unha nación do Estado español, e das consecuencias sociais, económicas e linguísticas da desaparición práctica da fronteira galego-portuguesa.
Ámbolos libros están dispoñibles en http://www.editorialgalaxia.es/

No debate que seguiu a discusión centrouse, como é de agardar nun punto de encontro coma é a Orfeu e o propio Couto Mixto, nas relacións entre Galicia e Portugal co gallo da entrada na UE, o estado das relacións intramiñotas logo de 20 anos de pertenza mútua á UE e as semellanzas e diferenzas de percepción mútua e sobre Europa que aínda existen, algúnhas enraizadas xa desde a alta Idade Media...