27/11/07

Presentacion no Couto Mixto de "Unha Falsa Luz" de Xavier Alcala

A historia contada desde a perspectiva dos vencidos

Galicia Hoxe, 27 de Novembro de 2008

A asociación cultural Galaico-Portuguesa Couto Mixto presentou en Bruxelas "Unha falsa luz", a última obra de Xavier Alcalá

ALBINO MALLO
A Asociación Cultural Galaico-Portuguesa Couto Mixto presentou en Bruxelas o libro de Xavier Alcalá Unha falsa luz.
Esta obra é terceira parte da triloxía Evanxélica memoria, dedicada á historia novelada dos evanxélicos en Galicia e a súa persecución dende tempos da ditadura de Primo de Rivera ata despois do pasamento do xeneral Francisco Franco.
O membro destacado da asociación e escritor compostelán Xavier Queipo, con vasta obra en prosa e verso, -poeta oficial da cidade de Bruxelas segundo o nomeou o seu concello- foi quen fixo a introdución da presentación de Unha falsa luz cun texto no que dixo, entre outras cousas que "a historia que se conta é triste, como triste foi en verdade a historia de España na meirande parte do século XX, que é o período que a triloxía recolle. A historia é triste e non é outra que a historia do noso pobo, enmarcada na historia de España por mor da guerra e do estado centralista e despótico, mais é tamén a historia de Galicia, que é onde a maior parte da acción se desenvolve agás os episodios da batalla do Ebro ou o desterro en Estremadura que se relata no segundo"
Engadiu o presentador neste acto que "a historia triste nola conta Xavier Alcalá, con habelencia de narrador experimentado. E para contala escolleu un punto de vista excéntrico, no senso, claro, non de estraño, senón de apartado do centro, que é o mesmo que dicir apartado da historia oficial, que é sempre -acrediten- a historia dos vencedores. Este punto de vista é o da represión específica sufrida por unha confesión relixiosa, a evanxélica, durante os anos escuros do franquismo".
Segundo destacou neste acto o propio Xavier Alcalá, que mañá presenta o seu libro na Fnac da Coruña, "o caso da colonia galega en Bruxelas é algo moi peculiar dentro da emigración (ou expatriación, como alí se di) e que vai ter grandes repercusións para Galicia no futuro inmediato".