29/04/14

Día das Letras Galegas 2014: "Pedirlle contos ao Quico"

21 de maio ás 18.30 , Livraria Orfeu
Quico Cadaval (Ribeira, 1960) é actor, director, adaptador teatral e un dos mellores conta-contos que existen en Galiza na actualidade. Algúns dos seus traballos máis recentes como director son "Shakespeare para ignorantes", "A opera dos tres reas" ou "Galicia Canibal".

A Livraria Orfeu de Bruxelas convertirase o vindeiro mércoes 21 de maio na escea na que celebrar o día das Letras Galegas 2014.  A Asociación Couto Mixto de Bruxelas quere homenaxear o teatro galego contemporáneo dándolle voz a un dos seus maiores referentes, Quico Cadaval . 

Velaqui o video do acto no Telexornal Seran da TVG
 
As 18.30 Quico comezará  a contar algúnhas desas historias que se xa son espectaculares no youtube (coma esta ou esta) aínda gañan máis ao vivo.
 
Amáis, os asistentes terán a posibilidade de pedirlle contos a Quico sobre a súa experiencia no teatro galego; sobre actores, directores e mesmo sobre os que pagan (ou non) as entradas. Sobre Álvaro Cunqueiro, Vidal Bolaño, Luís Tosar ou Antón Reixa. Sobre o Centro Dramático Galego e a Consellería de Cultura... en fin sobre calquera cousa que o manteña falando algo máis dunha hora.

E todo iso de balde! 
Venez nombreux!
 
Día das Letras Galegas 2014: Pedirlle contos ao Quico
21 de maio ás 18.30
Livraria Orfeu de Bruxelas, Rue du Taciturne 43, 1000-Bruxelles

26/03/14

Presentación da tradución galega do "Ulises" de James Joyce

 
O xoves 10 de abril, ás 18:00h, na Livraria Orfeu –43, Rue du Taciturne, 1000 Bruxelles– terá lugar a presentación da tradución galega de Ulises, de James Joyce.
 
O acto será conducido por Ramón Neto e contará coa participación de dous dos tradutores, Xavier Queipo e Antón Vialle, que explicarán o seu traballo de tradución, que compartiron con María A. Seisdedos e Eva Almazán, ao tempo que explorarán as trazas e/ou semellanzas da prosa cuántica de Joyce con, entre outras, Rayuela de Cortázar e Luces de Bohemia de Valle-Inclán. A tradución, que apareceu a finais de 2013, xa foi galardoada cos Premios Fervenzas Literarias e Lois Tobío (da Asociación Galega de Editores) como a mellor tradución ao galego realizada en 2013.
 
Acto organizado polo Couto Mixto de Bruxelas en colaboración coa librería galego-portuguesa Orfeu

Livraria Orfeu –43, Rue du Taciturne, 1000 Bruxelas  Metro Maalbeek. Entrada libre.

13/02/14

“Recital en homenaxe a Rosalía de Castro”

O sábado 22 de febreiro, ás 18:00h, na Livraria Orfeu –43, Rue du Taciturne, 1000 Bruxelles– o Couto Mixto de Bruxelas organiza un recital poético en homenaxe a Rosalía de Castro.

 O acto comezará cunha lectura de poemas a cargo dos poetas Xavier Queipo e Ramón Neto –que recitarán, entre outros, textos escritos para esta ocasión– para deseguido dar a palabra aos asistentes que serán convidados a ler un texto propio ou un poema da súa elección. Prégase ás persoas que desexen recitar algún texto que nolo fagan saber enviando unha mensaxe ao correo electrónico: sincfala@outlook.com
 
 
Este acto inscríbese dentro do conxunto de actividades que terán lugar en Galiza e en diversos puntos da diáspora galega para conmemorar a data do nacemento de Rosalía de Castro (24/02/1837).