22/05/23

Presentación: Diego Ameixeiras "O Cervo e a Sombra" , 25 de Maio 7pm - LIBREBOOK (Ch. de Wavre 128)

25 de Maio ás 7pm, acollemos a Diego AMEIXIEIRAS, reputado novelista e xornalista galego que presentará "O Cervo e a Sombra" na Libraria LIBREBOOK na Chaussée de Wavre, 128 en Ixelles/Bruxelas. A entrada é de balde. Sodes todos benvidos.


O cervo e a sombra

Premio da Crítica Española, 2022 - Premio Follas Novas (Narrativa), 2022

Mateo, o protagonista desta vibrante e conmovedora novela de Diego Ameixeiras, tenta saír adiante vendendo cocaína e deixándose enredar polos estraños negocios que lle ofrece Silvio, o seu mellor cliente e un vello amigo co que se sente en débeda. Ao mesmo tempo, mentres se esforza en superar a morte dos pais nun accidente de tráfico, ocúpase de atender a Eulalia, unha mestra xubilada que xa non pode levarlle flores ao seu irmán morto. Na loita por superar a orfandade e non renderse ante as circunstancias, Mateo procura o apoio de Andrés, un sacerdote que anos atrás o axudou a desintoxicarse e agora insiste en solucionarlle as dúbidas de fe. A inesperada aparición de Irene na cidade, unha relación que o marcou para sempre, e o descubrimento da Barronka, un edificio rehabilitado por un grupo de anarquistas, prenden en Mateo unha chama de esperanza para seguir vivindo. Pero os seus terrores non están dispostos a abandonalo. Todo é unha lembranza. A lembranza bañada en sangue dos derradeiros días da súa vida.

image.png 

Sobre Diego Ameixeiras

Diego Ameixeiras (Lausanne, Suíza, 1976), escritor e xornalista. Publicou en Xerais todas as súas novelas: «Baixo mínimos» (2004); «O cidadán do mes» (2006); «Tres segundos de memoria», Premio Xerais de Novela (2006); «Dime algo sucio» (2009), Premio Especial da Dirección da Semana Negra de Xixón; «Asasinato no Consello Nacional» (2010), Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano; «Historias de Oregón» (2011), Premio de Novela por Entregas de «La Voz de Galicia»; «Todo OK» (2012); «Matarte lentamente» (2013); «Conduce rápido» (2014), Premio Losada Diéguez de Creación Literaria 2015, finalista Premio Hammett 2017; «A noite enriba» (2015), «A crueldade de abril» (2018) e «O cervo e a sombra» (2021). Escribe en «La Voz de Galicia». 

image.pngO obxectivo da Asociación Couto Mixto Bruxelas é a difusión na capital de Europa da realidade cultural galega en toda a súa riqueza e variedade, sen exclusión de calquera manifestación que se produza en Galicia. Fundada en 2006.