Carlos Quiroga falará sobre literatura portuguesa en Bruxelas
A Nosa Terra 22.05.2008 14:19
Redacción . A asociación galega en Bruxelas Couto Mixto celebra o Día das Letras cun achegamento á literatura portuguesa da man do profesor Carlos Quiroga.
A libraría galego-portuguesa Orfeu, em Bruxelas, e a asociación Couto Mixto,organizan o evento para este xoves 22 ás 18.30. Quiroga, que será presentado polo escritor Xavier Queipo, é profesor titular de Literatura Portuguesa na USC, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Hispánica pola mesma, bolseiro da Calouste Gulbenkian (1991-92), do ICALP, actual Instituto Camões (1992-93), da Universittà Italiana per Stranieri (1983), e Doutor Europeo cunha tese sobre Fernando Pessoa, que mereceu o premio extraordinario de doutoramento. É tamén autor de traballos de ámbito académico, divulgativo ou creativo, en actas de congresos, xornais e revistas de Galiza, Brasil, Portugal, Alemaña e Italia, participou en encontros, conferencias, e mesas redondas, e na organización de varios eventos. Ocupouse dende hai anos de cátedras e Cursos Monográficos de Literatura Portuguesa de diferentes períodos, especializado no século XX. Fundou a revista O Mono da Tinta, é director e deseñador da Agália (Revista de Ciencias Sociais e Humanidades da AGAL) dende o número 62 até o último, o 92.Tamén é autor de traducións e ensaios, e entre a súa obra de creación podemos atopar G.O.N.G. –mais de vinte poemas globais e um prefácio esperançado (1999), Periferias (prémio Carvalho Calero de narrativa, 1999), A Espera Crepuscular (poesia, narrativa e fotografia, 2002), O Castelo da Lagoa de Antela - Il Castello nello stagno di Antela (teatro, 2004), O Regresso a Arder (primeira parte do proxecto Viagem ao Cabo Nom 3, con fotografía, poesía e narrativa, 2005), amais de experiencias multimedia que mesturan música, vídeo e palabra (a curta EU-KA-LO, 2005). No 2006 gañou por segunda vez o Carvalho Calero de narrativa con Inxalá, e publicouse en papel no Brasil Periferias, que xa tivera edición digital. No 2007 a Quási Edições publicou Venezianas (textos de viaxe e fotografías), e acaba de saír en Lisboa o Inxalá.