05/09/22

Xesús Fraga "Virtudes (e Misterios)" Xoves 8 Setembro 6pm Instituto Cervantes Bruxelas

 

O Couto Mixto Bruxelas, a asociación cultural galega en Bruxelas, organiza unha nova actividade de difusión da cultura galega na capital de Bélxica e da UE. O Xoves 8 de Setembro ás 6pm no Instituto Cervantes de Bruxelas teremos o privilexio de acoller a Xesús Fraga, escritor e xornalista. Foi premiado co  Premio Nacional de Narrativa 2021, concedido polo Ministerio de Cultura español pola obra "Virtudes (e Misterios)" publicada por Galaxia.  Coma moitos dos membros do Couto Mixto ou emigramos ou nacemos na emigración, como foi o seu caso, e observamos e participamos da cultura galega dese xeito.

Contar a emigración desde a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo Xesús Fraga ao encetar esta "Virtudes (e Misterios)"  que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.

Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.


Xesús Antón Fraga Sánchez naceu o 28 de febreiro de 1971 en Londres (Reino Unido). Publicou o conxunto de relatos, A-Z, a novela Solimán e a narración xuvenil Reo. Virtudes (e Misterios) non é a primeira novela sobre a emigración desde o punto de vista dos nados nela;

 A-Z (2003, Xerais) foi incluída no volume de estudios Writing Galicia into the World: New Cartographies, New Poetics, de Kirsty Hooper (2011), onde se analiza como parte dunha segunda xeración de escritores gallegos ("The Second Generation: Disappearing from the Map? Xesús Fraga, Xelís de Toro, Almudena Solana".

Xoves 8 Setembro , 6pm ENTRADA LIBRE

Instituto Cervantes, Avenue Louise 140 (Metro Louise)