04/12/08

Presentacion dos libros "Galiza na Unión" e "Europa, o continente pensado"



O 4 de Decembro a Libreria Portuguesa Orfeu (http://www.orfeu.net/) organizou un acto de presentación dos dous máis recentes libros sobre a UE do senlleiro político galego Camilo Nogueira "Galiza na Unión. A porta atlántica" e "Europa, o continente pensado" . Moitos membros do Couto Mixto Bruxelas, eles mesmos especialistas destes temas, apoiaron coa sua presenza este acto de presentación. Velaqui un breve resumo destes dous libros, que como apuntou o propio autor, complementanse mutuamente:

Para pensar Europa e pensar Galiza cómpre facelo á par, hoxe por hoxe é imposible albiscar o futuro da nosa nación sen o considerar en relación co futuro de Europa. A construción da UE, desde os primeiros tratados do carbón e do aceiro ata os nosos días; a significación que para Galiza ten o proxecto europeísta.
O primeiro dos libros, Europa, o continente pensado, trata do carácter histórico e político da Unión Europea e inclúe unha análise do conxunto dos Tratados da UE e do proxecto de Tratado Constitucional, o relato da crise do proceso de ratificación da Constitución (que aprobaran a Convención, o Consello Europeo e o Parlamento Europeo) e, dentro do conxunto de cuestións consideradas no epígrafe sobre a Europa esperada, o desafio da presenza mundial da Unión de 500 millóns de cidadáns e cidadás (a primeira potencia económica mundial) como unha potencia civil pola paz e a solidariedade.
Pola súa banda, en Galiza na Unión. A porta atlántica, o autor analiza en primeiro lugar as consecuencias da entrada de Galiza na CE, salientando o esforzo histórico extraordinario da sociedade galega fronte a condicións autonómicas e estatais desfavorábeis, nun proceso que levou, entre 1986 e 2006, á transformación da súa estrutura económica e social. Trata despois da cuestión da presenza na UE das nacións sen Estado, de Escocia a Galiza, como un problema pendente de solución dentro dos Estados e na Unión, das condicións políticas específicas da presenza de Galiza na UE como unha nación do Estado español, e das consecuencias sociais, económicas e linguísticas da desaparición práctica da fronteira galego-portuguesa.
Ámbolos libros están dispoñibles en http://www.editorialgalaxia.es/

No debate que seguiu a discusión centrouse, como é de agardar nun punto de encontro coma é a Orfeu e o propio Couto Mixto, nas relacións entre Galicia e Portugal co gallo da entrada na UE, o estado das relacións intramiñotas logo de 20 anos de pertenza mútua á UE e as semellanzas e diferenzas de percepción mútua e sobre Europa que aínda existen, algúnhas enraizadas xa desde a alta Idade Media...