26/03/14

Presentación da tradución galega do "Ulises" de James Joyce

 
O xoves 10 de abril, ás 18:00h, na Livraria Orfeu –43, Rue du Taciturne, 1000 Bruxelles– terá lugar a presentación da tradución galega de Ulises, de James Joyce.
 
O acto será conducido por Ramón Neto e contará coa participación de dous dos tradutores, Xavier Queipo e Antón Vialle, que explicarán o seu traballo de tradución, que compartiron con María A. Seisdedos e Eva Almazán, ao tempo que explorarán as trazas e/ou semellanzas da prosa cuántica de Joyce con, entre outras, Rayuela de Cortázar e Luces de Bohemia de Valle-Inclán. A tradución, que apareceu a finais de 2013, xa foi galardoada cos Premios Fervenzas Literarias e Lois Tobío (da Asociación Galega de Editores) como a mellor tradución ao galego realizada en 2013.
 
Acto organizado polo Couto Mixto de Bruxelas en colaboración coa librería galego-portuguesa Orfeu

Livraria Orfeu –43, Rue du Taciturne, 1000 Bruxelas  Metro Maalbeek. Entrada libre.